miércoles, 14 de enero de 2009

Tintín cumple 80 anos.


O soado reporteiro creado por Hergé apareceu por primeira vez o 10 de xaneiro de 1929 na revista 'Le Petit Vingtième'



O soado reporteiro do cómic Tintín, o mozo louro de insolente flequillo e pantalóns bombachos que sempre vai acompañado do seu fiel can Milú, celebrará este sábado o seu oitenta aniversario. Foi un 10 de xaneiro de 1929 cando Tintín, xa acompañado de Milú, apareceu por primeira vez na revista "Le Petit Vingtième" da man do debuxante belga Georges Remi, máis coñecido como Hergé. Tratábase da primeira aventura do reporteiro na Rusia bolxevique titulada Tintín no país dos Soviets.
Esa historia foi o inicio dunha saga de 24 aventuras ao redor do mundo da que xa se venderon máis de 250 millóns de exemplares e que foron traducida a máis de 50 idiomas, e ata foi adaptada ás pantallas en debuxos animados.
A denuncia do réxime soviético efectuada por Hergé foi aclamada e motivou ao seu autor para lanzar ao seu personaxe a unha serie de viaxes que lle levarían ata algúns dos recunchos máis soñados polos amantes da aventura: desde os pasadizos das pirámides de Exipto ás frondosas selvas suramericanas, pasando polos fumaderos de opio en China e ata a Lúa. A lenda estaba en marcha e Hergé fixo que Tintín viaxase ao redor do mundo para, en apenas cinco anos, publicar Tintín no Congo (1931), Tintín en América (1932), Os cigarros do faraón (1934) e O loto azul (1936).

Salto á gran pantalla
En honra ao aniversario do reporteiro máis famoso do mundo, o vindeiro martes día 14 de xaneiro inaugurarase un mural para decorar unha estación ferroviaria de Bruxelas e o 22 de maio -cumplaños de Hergé- inaugurarase o Museo Hergé en Louvain-A-Neuve (ao sur de Bruxelas).
Aínda que nos seus oitenta anos de existencia este cómic foi acusado de sexismo, paternalismo e antisemitismo, cada ano crece o número de novos seguidores das aventuras de Tintín, Milú, o capitán Haddock, os detectives Dupont e Dupont (Hernández e Fernández), o profesor Tornasol e Bianca Castafiore.
Logo da morte de Hergé, en 1983, os seus familiares respectaron os desexos do autor e rexeitaron que outros creadores continuasen co personaxe. Aínda que Tintín non continúa as súas aventuras sobre papel, os directores de cine Steven Spielberg e Peter Jackson obtiveron o permiso da viúva de Hergé para producir unha triloxía sobre o reporteiro. A estrea nas salas da primeira entrega cinematográfica espérase para o próximo ano.

No hay comentarios: