lunes, 30 de octubre de 2023

1ª Reunión do Club de Lectura de 2º da ESO con Raquel

 A primeira reunión do club de 2º da ESO coa súa coordinadora Raquel foi un tanto diferente. 

Con este grupo, ademais de realizar as pertinentes xuntanzas lectoras acordouse colaborar co Equipo de Dinamización Lingüística do centro para realizar un apadriñamento lector coa veciña Escola de Aralde.


 

A primeira fase deste fermoso proxecto intercentros pasou porque o alumnado deste club enviase cartas describíndose e explicando cales son os seus gustos e afeccións. 



Os pequenos e pequenas da escola responderon a estas cartas cunhas postais preciosas onde escollían madriña ou padriño e realizábanlles uns debuxos imaxinando como poderían ser fisicamente. 

Ademais, aproveitouse para repartir a primeira lectura do curso, o cómic "Sonríe" de Raina Telgemeier


Quedamos en vernos nunhas semanas para falar da lectura e preparar o primeiro encontro cos seus afillados e afilladas dentro do proxecto intercentros!


jueves, 26 de octubre de 2023

Exposición da selección de libros para Samaín

Desde o Equipo de Biblioteca realizamos unha selección de libros de terror para acompañar os festexos de Samaín:

lunes, 23 de octubre de 2023

1ª Reunión do Club de Lectura de 1º da ESO con Lidia

 O alumnado do Club de Lectura de 1º da ESO reuniuse coa súa coordinadora Lidia para recoller a súa primeira lectura do curso.




O primeiro título que lerán é o cómic "A proba de auga" de Anémona do Río, que o ano pasado tivera unha acollida estupenda.


Ademais, Lidia pasoulles unha batería de preguntas para poder coñecer máis os seus gustos lectores e atinar coas vindeiras recomendacións. 



Quedaron en verse nunhas semanas coa lectura feita para poder falar de todo o que lles pareceu!





viernes, 20 de octubre de 2023

Un emocionario para a clase de Educación Valores Cívicos e Éticos

Hoxe na clase de 3º da ESO de Educación Valores Cívicos e Éticos estiveron traballando a autoestima e as diferentes emocións, motivo polo cal a súa profesora decidiu empregar un libro sobre as emocións prestado pola nosa Biblioteca Escolar:

martes, 3 de octubre de 2023

Visita ao Auditorio: Escola de Arte Caliveras

 O pasado venres 29 de setembro o alumnado de 1º ESO achegouse ata o Auditorio municipal para coñecer a ampla e variada oferta formativa que ofrece a Escola de Arte Caliveras en Vilanova de Arousa. Grazas a Nolo por acollernos tan ben e por fomentar a gana de formarse e o valor da creatividade como piares da sociedade do porvir!


lunes, 2 de octubre de 2023

Arrinca o Club de Lectura do curso 23/24!

O Club de Lectura do IES Faro das Lúas non deixa de medrar e podemos dicir que neste curso, 2023-2024, temos máis alumnado desexoso de participar nel ca nunca! 

Nas reunións de coordinación previas, decidimos dividir ao alumnado interesado en participar no club por niveis, para axeitar as lecturas aos seus gustos e intereses, e establecemos quen dos membros do equipo de Biblioteca levaría cada un dos clubs, quedando o reparto do seguinte xeito: O Club de Lectura de 1º da ESO levarao Lidia, o Club de lectura de 2º da ESO farao Raquel, do Club de Lectura de 3º da ESO encargarase Ana Cruz e do Club de Lectura de 4º da ESO será Susana quen o coordine. Ademais, manterase o exitoso Club de Lectura de adultos capitaneado por Nadia. Aproveitamos para acordar cales poderían ser as primeiras lecturas mentres non renovásemos o catálogo deste curso e quedamos en comezar canto antes coas reunións de presentación. 

 Agardamos con moita gana un novo curso de lecturas e xuntanzas!